Blogia
A radio de noite

Podcasting: a nova revolución da radio en internet

Coa chegada de internet a fogares de todo o mundo, as emisoras de radio comezaron a transmitir na rede mediante tecnoloxía de streaming (ou sexa, en directo) pero coa extensión dos reproductores con disco duro incorporado ( MP3 ) os usuarios buscan poder levar os contidos a calquera lugar. Igualmente, numerosos creadores non se conforman con publicar a súa listaxe de cancións en MP3 senon que queren chegar máis aló con auténticos programas producidos por eles mesmos.

Deste xeito naceu o podcasting, arquivos de contidos sonoros, xeralmente falados, que son colgados na rede polos seus autores cunha certa periodicidade. Dise deles que causarán unha revolución semellante á dos weblogs, que supoñen para a radio o que os blogs supoñen para a prensa. Por iso, son unha alternativa para todas aquelas persoas ás que lle guste a comunicación sen ningún tipo de censura.

Inda que se poida considerar o contrario, o podcasting non ten porqué ser unha ameaza para a radio tradicional, será un enriquecemento pois supón unha millora na calidade de sonido e son unha alternativa real para facer chegar programas especializados ós oíntes, que poderán escoitalos sen depender dos horarios. De feito, as cadeas españolas comezan a sumarse a esta innovación, a pioneira foi a Ser pero xa se están a sumar outras como a COPE ou a madrileña Radio Círculo. En San Francisco, onde o podcasting está moi extendido, unha gran cadea comercial xa emite tódolos seus contidos neste formato. Polo de agora aínda non se creou ningún en galego.

O directorio básico en España de podcasts é Podcast-es, nel atoparás programas sobre tecnoloxía, música, cine, cociña, dereito, poesía e moitos outros temas. Se ti tes tempo, ganas e cousas que contar sobre calquera tema, só precisas un micrófono e un programa para grabar e editar sons, como Audacity; unha vez creado o MP3 con todo o que queiras contar débelo colgar en internet e poñelo en circulación mediante un RSS, para o que podes empregar programas como Easypodcast ou Loudblog.

0 comentarios